A crónica de hoxe é deliciosa. Case no sentido literal. Podería dicir que prácticamente desque pisei Mazaricos estou comendo. A maior parte das veces, por obra e gracia de María, nai de @lu_yasmina, que non sae en ningunha das fotos, pero que hei procurar retratar pola mañá antes de irme. Hospédome en casa de cociñeira. Cociñeira galega. E nótase. Aínda que levo todo o día rodeada só de mulleres bravas, a de hoxe foi a única recollida na que houbo un home: O Leiro.
Conducía Yas, na parte de tras ía Anita, que dixo que hai que vivir na alegría e tamén que, segundo a súa tía, canto máis das, máis se che multiplica o que tes. Será por iso que me deu unha bolsa rebosante de pementos… E chegamos á Curra, a casiña onde se reúnen as pandereteiras de Arcos. Estaban Lola e Manola. E José, claro, o Leiro. Cando se falaba explícitamente de sexo a risa era a resposta máis elocuente. Pero no seu xeito de falar hoxe houbo algo grandioso. Foron capaces de vencellarme a vida íntima e privada dunha muller con todos os campos da súa vida. Capaces de dicirme —sen saber que mo estaban dicindo– “mira, nena, que non che son cousas ailladas”. Fixérono con facilidade pasmosa. Poñerme diante o evidente.
Hoxe durmo en Lugar Novo. Mañá volto a Santiago. Mil veces escollería de novo esta forma de vida. ❤
Boa noite.