Día 1. Gondomar.
Hoxe falei con Veva (Genoveva), Tita (Perfecta) e con Carmen. Diego, o xerente da residencia foime buscar a Nigrán e ao chegar presentoume a Yolanda, a traballadora social. Que xente entrañable. Que ben coñecel*s.
Tres cousas en común teñen estas mulleres: xenio, ideas claras e gusto por bailar. Unha foi incluso campiona en dúas ocasións de tango.
Hoxe empecei escoitando falar da erótica e rematei escoitando falar de amor. Foron de unha profundidade as historias de vida que escoitei que aínda teño que dixerilas.
Marcho agradecida.
E a Tita prometinlle que se non voltaba esta semana vela, habíamonos cartear.

Día 2. Nigrán.
“Bajo los adoquines está la playa”.
O de hoxe foi un día fermoso. Espertar e almorzar en comunidade, bañarse no mar, escoitar ao lado da casa en concerto a Fernán e máis a Silvia, voltar para comer e entón ir con Quique ata a horta Colorida. Apañar xudías guiados por Santi. Cociñar xuntos para todos mentres conversabamos da vida, comer nunha mesada de familia inmensa. Partillar con Álvaro. Voltar ao mar. Conversar con Muqi. Escoitar as historias recollidas onte e planificar con Santi unha quedada con mulleres de Nigrán. O malo agora vai ser cando haxa que marchar.

Día 3. Nigrán.
Paseo do Río Muíños.
Pola mañá a casa espertou amodo. Paula chegou buscarme e camiñamos poñéndonos ao día da vida pola beira da praia ata tomar café en Sabarís.
Xantei na Colorida. Con Silvia, Breogán, Quique, Muqi, Leo e Santi. Pasei a tarde tan a gusto de conversa en conversa, aprendín tanto de cada persoa, que case non saio. Pero no lusco fusco dei co río Muíños grazas ás indicacións de Muqi. Comeza cabo da praia América. 10 kms de ruta tranquila e fermosa cabo dun río cativo coas beira en restauración. E na súa desembocadura, o mar.
Mañá, día do Carme, marcho a Baiona. Ao centro de día. E pola tarde merendo con unha tocaia que está de santo e máis con todas as súas amigas.
Creo que fundamentalmente vin acó a ser feliz. 💕
Moi boa noite.

Día 4. Baiona e Nigrán.
O CARMEN.
É o cuarto día que estou en vilas mariñeiras. E todas, no seu conxunto e coas súas particularidades, están celebrando á protectora das xentes do mar. En resumo, hoxe é o meu santo.
E o meu xeito de celebralo foi pasar a mañá en Baiona, conversando coas fantásticas mulleres do centro de día (ante cuxo persoal quito o sombreiro, por tanto amor que dan), ir dar un baño a praia América e merendar con unha tocaia en Nigrán: Mucha e todas as súas amigas.
Que de esquerda a dereita, na foto, son: Lourdes, Alicia, Luz, Quina, Marisa, a propia Mucha e Carmen.
Levei pasteis e había tarta. Que para iso estabamos celebrando.
Falamos, de mañá e de tarde, de todo aquelo que hai décadas era innombrable.
Acabo de volver á @medialabcolorida coa invitación a regresar cando queira a calquera dos dous lugares.
Hoxe só me queda xa o meu paseíño maino da tardiña. 💞

Día 5. Comeza a recta final.
Hoxe foi un día de introspección.
O nivel de intensidade emocional está sendo altísimo. É unha destas experiencias ás que non lles cambiaría nin unha coma.
Neste que xa é o meu fogar recibín as visitas de Su, primeiro, e da miña querida @alba_sotelo, despois. A quen lle ensinei a @medialabcolorida e que me viu poñer ao día das fermosas mulleres que me agardan na recollida de Bueu.
Mañá continuamos labor. Adicaremos tres horas a un obradoiro de narrativa breve ben lúdico.
E pola noite migramos ao @ls_faisca_vigo, para facer “A Virxe e maila Puta”.
Creo que cando volva a casa, xa vou ser outra. 💕

Día 6. Nigrán e Vigo.
UNIVERSIDADE LIBRE.
Hoxe entraba o sol na Colorida cando Quique e Muqi me axudaron a preparar o espazo para impartir o obradoiro de narrativa breve. Textos creativos e cheos de personalidade afloraron de xogar cos puntos de vista, os actantes, o tempo e varios disparadores.
Despois de comer en familia, marchamos cara o @ls_faisca_vigo, lugar que visito por vez terceira e que tan xeneroso é comigo. María Magdalena e máis a Virxe estiveron coma na casa.
Agora xa me dispoño a durmir con Muqi e máis con Quique na Quinta de Carminha. Estructura circular perfecta, pechando por hoxe un percorrido catártico e moi enriquecedor por tres centros sociais do sur.
Cantísimo ben me está facendo esta viaxe. 💞💞
Mañá, último día, continúan as recollidas. Boa noite.

Día 7. Baiona e Nigrán.
“Acó non facemos despedidas”.
Espertei en Vigo cos meus compañeiros de viaxe e non tardamos en poñernos en marcha. Muqi arranxou todo para que me atopase con Xira en Baiona e rodeadas de fíos, botóns e lencería fina na súa mercería, faloume do amor entre clienta e clienta. Chegamos a Nigrán xusto de volta para comer. E eu tiña un plan que me parecía estupendo. Había días que Silvia me arranxara unha cita coa súa nai (Clara) e mailas amigas. Así que no forno da @medialabcolorida prepareilles un biscoito de cenoria e coco rallado. E aló nos fumos Sil, Breo e máis eu. Escoitei a Carmen, Ana, Clara, Isolina e Olga falar máis explícitas que ningunha, sen pelos na lingua.
E sabendo xa con antelación que este fogar está transitado por tantas persoas que despedirse xa non é unha opción (e máis porque sempre se regresa), cenei con case todas sabendo que a residencia remata ás 9 da mañá.
Queda un cacho de min coas conversas con Quique, a enerxía estelar de Silvia, as aprendizaxes de Breogán, o sorriso do Leo e a luz de Alba.
Ser tan intensa é bo para, por exemplo, sentir que a residencia de unha semana foi de un mes enteiro.
Quedo agradecida ata as entrañas. E só podo prometer volver. ❤ GRACIAS.