Día 1. Parada – Froxán.
AS MULLERENGAS.
Creo que só un poeta foi quen de explicar o que supón espertar en Parada. E precisamente na súa casa estou pasando esta experiencia das recollidas no Courel. Non podía ser máis privilexiada.
Hoxe Óscar, Uxío e Miguel Anxo traballaron arreo. Sempre o fan, o caso é que hoxe vivino de preto. Teñen a miña completa admiración. Mentres tanto eu escoitaba as recollidas de onte e comezaba a tomar algunhas decisións importantes.
A mediodía coñecín a Leonor e máis a Pepe, os pais de Miguel Anxo. Iso foi xantar con maiúsculas, unha master class sobre política na Montaña Roxa.
Pola tarde achegámonos ata Froxán, onde agardaban as Mullerengas, asociación de mulleres feministas que me encandilaron, que teñen a cabeza bulindo de ideas potentes e que me argallaron unha quedada para o sábado en Vilamor coas súas maiores. ❤
A estampa complétase co incrible concerto que había no curuto da montaña dun grupo belga ao que incriblemente Xabi Vizcaíno, ao que non puiden ver onte no Incio, lles estaba facendo o son.
Coa conversa na terraza Os Eidos con Uxío, Óscar e Miguel Anxo.
E coa cea.
Por certo, tiñades que ver as estrelas dende acó.
“Ergue a testa e oula cara o ceo.”
Síntome afortunada. Moi boa noite. 😊

Día 2.
Que foi onte.
Descubrín que en toda residencia artística (e esta é a segunda do vrau) hai un día de calma chicha. E nese día Miguel fíxome unha visita guiada pola casa do poeta decidor.
Tanta historia hai nesta casa tan vivida. A casa da Fonte. Ou do crego. Eu, que vin ao Courel con vocación confesora, que é o que ao fin e ao cabo facemos quen recollemos historias de vida… Canto estou aprendendo na montaña.
Hoxe o día comezou distinto. Activo xa dende a hora primeira. Pero iso cóntovolo pola noite. Agora, a traballar. 💕

Día 3. Seoane e Vilamor.
Hoxe escoitei por vez primeira en toda a miña vida dous nomes de muller: Eduvigis e Rubina.
Unha estaba na entrada da súa casa, en bata, coa paisaxe da primeira foto diante de si. En Seoane. Non me agardaba. E Leonor acompañoume para presentarnos. Non lle apetecía falar ao principio, pero finalmente falou sentada nun escano cabo de min diante dun lote de leña sen deixar de sorrir. Dicía que foron moitos os traballos. Tamén moitas as alegrías.
Con Rubina púxome en contacto Sandra, das Mullerengas. Foina buscar a Campa e en Vilamor xuntouna coa súa mai Manuela e a súa tía Carmen. Podo dicir sen medo a errar que foi a recollida máis bonita da miña vida. Por moitísimos motivos. Tamén a que case me leva o corazón, pero non (só) por sentimentalismo: é que eu, que recollo en audio, deille sen querer a “eliminar” cando Carmen me deu un bico de despedida. E anque case infarto, Sandra saiu ao rescate con gravación feita en simultáneo á miña. Algo poderoso emerxe de boca destas mulleres.
Unha forza, unha enerxía, unha vocación pola vida que creo que polo efecto aristotélico da mímese se poden aprender escoitándoas durante horas.
Estoume prendando a tal punto das xente do Courel, que igual que me pasou co Valmiñor, valoro censarme.
Creo que o que quero eu é un imposible: ter o meu padrón nas persoas que habitan lugares. Poñerlles monumentos e entrarlles a vivir.
Veño de que me avisen de que quererei voltar para sempre. E o caso é que non o negó.
Boa noite.
💕

Día 4.
Última noite no Courel.
Hoxe creo que non remato de ter tristura por marchar, porque me quedou unha especie de certeza de ir voltar. Esta mañá perdinme polos soutos que hai cabo da casa para rematar de ler a biografía que Antón Lopo escribiu de xeito delicioso sobre Novoneyra: A distancia do lobo.
De aí en diante foi todo festa. O Filandón de Cantos de Courel, cabo da Ferreiría Locay, que é un espectáculo para a vista. Co río ruxindo de fondo, coa terraza dos Eidos na beiriña e coa beleza inabarcable de Uxía cantando a Uxío. Ela, que tivo a dozura inmensa de agasallarme co seu CD “Badaladas da Galiza Imaxinaria”.
Hai 21 anos que se celebra esta festa e as cantoras e cantores da zona, as poetas cantadas logo, veñen para deixar en legado o que da tradición vén. Alí me fixen cos Cantares da Cega de Covelo. Para ver que músicas podo darlle a “Tabú”.
Mañá poño rumbo a Compostela con Uxío, grandísimo anfitrión de natureza. E acó deixo a Miguel, a Óscar, a Leonor, a Pepe. Tamén ás Mullerengas, a veciñanza de varias parroquias, a Eduvigis, Rubina, Carmen e Manuela… Deixo conversas do Hydra, deixo as vistas, deixo a alma.
Mira que mo advertiron, pero ao final embaucoume completamente a montaña. 💜
Boa noite.